A bicicleta continúa á alza no noso país

Cada vez son máis as persoas que se animan a mudar os seus costumes á hora de desprazarse e pasan a apostar pola bicicleta. Así o confirman todos os estudos que se están a publicar nestes últimos meses e que ratifican unha tendencia que repuntou moi forte durante a crise da COVID-19 e os meses posteriores ao confinamento: a bicicleta xa é o medio de transporte preferido polas persoas que viven nas cidades do noso país. Segundo datos do Consello Superior de Deportes, na actualidade no noso país hai uns 20 millóns de usuarios de bicicletas, sendo 8 deles usuarios diarios da bicicleta como medio de transporte para os seus desprazamentos urbanos.

Un informe publicado o pasado ano por Ciudades por la Bicicleta indica que o mercado da bicicleta de primeira ou segunda man espera xerar neste ano 2021 un negocio superior aos 2.000 millóns de euros. Esta subida da demanda estase a reflectir tamén na industria, impulsando a economía e fomentando a creación de novos postos de traballo tanto na cadea de produción e distribución, como nas tendas de venda minorista e os talleres de reparación e venda de segunda man. Na actualidade son case 23.000 os empregos directos que xera o sector. Preguntado por esta tendencia nunha entrevista publicada por “El economista”, o presidente da Federación Española de Ciclismo, José Luis López Cerrón, afirma que “En España hai máis bicicletas que balóns de fútbol”, ratificando o bo momento que o sector está a vivir nestes últimos tempos.

A bicicleta, tanto de primeira como de segunda man, está a ter unha gran demanda e con ela, está aumentando a aparición de talleres de reparación e posta a punto, que contan na súa maioría con listas de agarda. Desde Mellor Reparar que Tirar facémonos eco desa demanda e recollemos na nosa páxina web tanto un listado dos diferentes talleres e espazos de reparación e compravenda de bicicletas de segunda man, coma iniciativas sociais que están a recuperar bicicletas en desuso para darlles novas vidas e recursos para poder reparar desde casa as nosas bicicletas e facerlles unha posta a punto. A aposta por este medio de transporte contribúe por un lado a incentivar hábitos de vida máis saudables, a reducir a nosa pegada ambiental na contorna e, apostando polo uso de bicicletas recuperadas, a fomentar a economía circular e un uso máis racional dos nosos recursos.

Imaxe: Pexels