A compravenda de mobles de segunda man, unha tendencia á alza

Os obxectos de decoración, mobles e mesmo materiais de construción reutilizados están a gozar dun momento de gran demanda a nivel estatal. Os mobles de salón e elementos decorativos, seguidos moi de cerca polos elementos de dormitorio e cociña, están a ser os que máis se están a mover no mercado da segunda man, e concretamente os escritorios, as solucións de almacenamento, as mesas e cadeiras e todo o relativo ao mobiliario de terraza son os elementos que máis demanda están a ter nas plataformas de compravenda e tamén nas tendas e espazos que se dedican á recollida, recuperación e venda de mobiliario e elementos de segunda man.

A auto-reparación e posta a punto de mobiliario e elementos do fogar, que comezou durante o inicio do pandemia, co confinamento, como un pasatempo ou un xeito de entretemento nos nosos fogares estase a transformar nunha tendencia que gaña cada vez máis seguidores e da que se estima que acade un volume de facturación no 2025 de máis de 40.000 millóns de euros a nivel global. Segundo un estudo da consultora Research Nester, o mercado mundial de mobles de segunda man está a acadar as súas mellores cifras históricas. Isto débese en grande medida a que os mobles de segunda man, recuperados, adoitan ser “ata un 50% máis baratos, permitindo aos consumidores acceder a produtos de calidade a un custo comparativamente menor”, di o informe.

Este pulo vén dado, en grande medida, pola proliferación de apps de compravenda e videotitoriais da rede, que van desde a iniciativa de Ikea para a recollida e substitución dos seus mobles máis antigos, a oferta que se atopa en espazos coma Wallapop ou Milanuncios ata a cantidade de usuarios dedicados ao DIY que podemos atopar a través das redes sociais. Pero se cadra, un dos principais alicerces que sustentan este crecemento exponencial do mercado de segunda man do moble está a ter lugar grazas á maior concienciación medioambiental e de sostibilidade dos usuarios.

Desde Mellor Reparar que Tirar apostamos tamén por esta tendencia e recollemos na nosa páxina web diferentes iniciativas para a auto-reparación e recuperación de mobles e utensilios, así como tamén iniciativas e recursos profesionais nas nosas guías dispoñibles para consulta e descarga.

 

 

Imaxe: Pexels