A Rede Galega PxR reactívase coa posta en marcha de “Mellor reparar que tirar”

  • Trátase dun espazo no que impulsar e fomentar a colaboración entre as entidades locais e os axentes económicos e sociais para intercambiar coñecementos e contribuír a reparación e reutilización de materiais
  • A Consellería de Medio Ambiente vén de convocar axudas para que nos concellos galegos se definan ou adapten espazos municipais destinados á preparación para a reutilización de materiais; actuacións que poden conseguir ata o 100% de financiamento

Santiago, 22 de maio 2020

 

Co obxectivo de dar un novo pulo á Rede Galega de PxR, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de activar este espazo web, Mellor reparar que tirar, para animar a todas as entidades locais galegas a poñer en marcha un proxecto de preparación para a reutilización e reparación na súa localidade, polo que poderán empregar esta plataforma para a súa divulgación, búsqueda de colaboradores e sinerxías con calquera outro tipo de entidades.

Este é un espazo multidireccional posto que, ademais das iniciativas municipais, todas as entidades interesadas poderán publicar as súas ideas e proxectos, ofrecendo a súa cooperación ou demandando necesidades para desenvolver con éxito as súas actuacións en materia de preparación para a reutilización e reparación.

Cómpre recordar que a Rede Galega PxR está pensada como un espazo transversal de intercambio de coñecementos e experiencias nesta materia, co obxectivo de impulsar proxectos de cooperación dirixidos á preparación para a reutilización, co reto de contribuír á transición cara a un modelo de economía circular na Comunidade galega.

Nese sentido, a Consellería de Medio Ambiente convocou unha liña de axudas para fomentar a posta en marcha deste tipo de proxectos de prevención da xeración de residuos. Tratase dunha orde de axudas dirixida a entidades locais e agrupacións de entidades de Galicia, cunha dotación de máis de 4 millóns de euros, para o desenvolvemento de actuacións en materia de xestión de residuos municipais, entre as que destaca a creación e/ou a adaptación de espazos municipais destinados á preparación para a reutilización de materiais; actuacións que poden conseguir ata o 100% de financiamento.

Proba piloto, en Valga

En Galicia existen xa instalacións destinadas á reparación e á reciclaxe, como é o Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI) no Concello de Valga, un espazo municipal de reparación e intercambio de enxoval, obxectos e outros materiais, coa habilitación tamén de talleres formativos e de sensibilización para a cidadanía.

Este espazo municipal de autorreparación e intercambio, está promovido pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración co Concello de Valga, desenvólvese dentro do CODI, promovendo así, á vez, a integración social de persoas con algunha discapacidade.

Para o actual Goberno, a combinación das axudas públicas ao financiamento destas iniciativas e o impulso da cooperación entre todos os axentes implicados da sociedade, é fundamental para a creación de novos modelos de desenvolvemento local nos nosos territorios.

Así, a Rede Galega PxR aspira a ser un punto de encontro de proxectos e entidades que busquen innovar e traballar nunha mesma dirección, para instalar a Galicia nunha senda sostible e cun modelo de economía circular onde os residuos se transformen en recursos, pechando os ciclos de todos os materiais que empregamos a diario.