Alargascencia, recursos para alongar a vida dos obxectos

Darlle máis vidas aos produtos de consumo é un dos principais obxectivos da economía circular. Para acadalo, no noso país xorden cada día máis iniciativas públicas e privadas que axudan aos usuarios a atopar recursos e solucións para reparar, reutilizar ou liberar todos aqueles elementos que aínda teñen vida útil.

Hoxe presentamos Alargascencia, un directorio de establecementos e recursos creado dende a asociación Amigos da Terra, nos que o usuario pode reparar obxectos, facer troco, alugar ou vender todo aquilo que xa non precisa pero que aínda ten vida útil. Alargascencia consta dun directorio de recursos en toda España, máis de 200 deles situados en Galicia, con empresas, asociacións e organizacións centradas na reparación de obxectos, compravenda ou mesmo alugueiro de diferentes produtos electrónicos, de moda ou obxectos de consumo. Esta ferramenta colaborativa nace coa intención de “dar a volta a esta situación coñecida como obsolescencia programada“. A obsolescencia, que acurta dende fábrica a vida útil dos produtos, pódese revertir mediante a reparación, o intercambio e a reducción do volume de consumo. Esta web propón opcións para desenvolver propostas baseadas na economía circular e así reducir o consumo de recursos naturais e a pegada medioambiental que cada persoa deixa na súa contorna.

A Asociación Amigos da Terra está detrás desta iniciativa que nace coa misión de fomentar o cambio local e global cara a unha sociedade respetuosa co medio ambiente, xusta e solidaria, para construír unha sociedade social e ambientalmente comprometida.