As bicicletas vellas de Lugo terán unha nova vida en Guinea-Bisáu

Máis de 400 bicicletas descartadas en Lugo poderán gozar dunha segunda oportunidade en Guinéa-Bisáu a partir deste outono, grazas á iniciativa particular dun Garda Civil da Comandancia de Lugo.

José Luis Pereira, garda civil de Tráfico, comezou a recoller e reparar bicicletas en desuso. A súa idea inicial era ofrecelas de balde na súa contorna, pero este plantexamento inicial non tivo unha boa acollida. Ante a falta de resposta, tras porse en contacto con diferentes profesionais da cooperación internacional, decidiu envialas a Guinea-Bisáu a través dunha ONG de desenvolvemento local. Deste xeito, no vindeiro mes de outubro chegará ao país africano un contedor con máis de catrocentas bicicletas reparadas e en perfecto estado de uso.

Pereira, ademais, colabora con diferentes entidades locais e servizos sociais de concellos de Galicia para facer chegar bicicletas reparadas a nenos e nenas de familias sen recursos. “Aínda que é moi épico enviar bicicletas ao terceiro mundo, tamén é marabilloso axudar aos veciños do lado”, explicou nunha entrevista á Cadena COPE.

Na actualidade continúa traballando na reparación de diferentes bicicletas, contando tan só coa colaboración da súa muller e do seu fillo. No envío que realizarán no vindeiro outono farán chegar a Guinea-Bisáu tamén diferentes obxectos e produtos de primeira necesidade que non se atopan no país. No futuro, se as condicións sanitarias son favorables, viaxarán ao país para comprobar de primeira man o destino de todas as bicicletas reparadas, que gozarán dunha segunda vida.