Imaxe propiedade de Galicia Pueblo a Pueblo

As formigas de San Clodio, imaxinación e circularidade

No concello lugués de Outeiro de Rei atopamos “As formigas de San Clodio“, unha iniciativa que forma parte do proxecto de desenvolvemento rural “Vida de Aldea” e que leva anos atraendo turismo á parroquia de San Clodio grazas ao traballo con elementos reutilizados e reciclados.

As Formigas de San Clodio son unha serie de figuras e instalacións realizadas con plásticos de silo, metais e elementos recuperados da vida da explotación gandeira nas que se atopan, e ubicadas preto da autovía A6. Estas diferentes figuras poden verse á beira da estrada, dispostas ao longo dun quilómetro do percorrido da estrada da parroquia San Clodio, en Outeiro de Rei. A día de hoxe son unha ducia as formigas que se poden observar, presentadas ao comezo da exposición cun cartel e un roteiro que nos leva a percorrer toda a instalación, na que poderemos tamén ver vivendas e animais realizados con elementos reciclados e recuperados.

Esta iniciativa está desenvolvida por Xosé Ramón Rodríguez Iglesias, enxeñeiro, gandeiro e principal impulsor do proxecto de desenvolvemento rural “Vida de Aldea”. A idea que hai detrás desta proposta defende que calquera elemento ou material que, de entrada, descartariamos unha vez finalizado o seu uso orixinal pode contar con novas vidas e proporcionar novos recursos de gran valor para a sociedade. 
Así, nos nosos fogares, podemos traballar a creatividade e a imaxinación dos cativos e cativas elaborando xoguetes, instrumentos musicais e mesmo instalacións a partir de residuos plásticos, cartón ou metal.

 

 

 

Imaxe: Galicia Pueblo a Pueblo