As grandes multinacionais da electrónica crean unha Alianza Global para fomentar a economía circular

As empresas líderes en electrónica e tecnoloxía Cisco, Dell, Microsoft ou Google veñen de impulsar unha alianza internacional, a Circular Electronics Partnership (CEP), da que xa participan máis de 50 empresas e especialistas do sector para promover un cambio nos hábitos de consumo da electrónica a nivel global, apostando pola circularidade.

Deste xeito, a CEP busca maximizar o valor dos compoñentes, produtos e materiais que forman parte do ciclo de vida dos dispositivos electrónicos, co compromiso de acadar de cara ao 2030 unha circularidade completa no sector. A CEP, da que forma parte o Consello Empresarial Mundial para o Desenvolvemento Sostible (WBCSD), xorde ao albor dos datos recollidos no informe de The Global E-Waste Monitor 2020, que estima que da totalidade dos residuos electrónicos que se xeran no planeta, menos do 18% se recollen e reciclan, e iso malia ter en conta que o valor dos residuos deste tipo de dispositivos son dos máis cotizados no mercado. Neste contexto, a CEP nace para xerar unha folla de ruta a seguir polas empresas do sector, e tamén para xerar conciencia tanto entre os consumidores como nas institucións e gobernos estatais.

Algunhas das apostas da CEP para promover o cambio a nivel medioambiental e social, pasan por promover o traballo con man de obra segura e con garantías, mellorar a acción e o impacto na contorna da industria e garantir compromisos coma o desenvolvemento dun sistema de reciclaxe global responsable, a posta en marcha de iniciativas de seguimento dos materiais desde que son materia prima ata a fin da súa vida útil ou a creación e lanzamento de novos dispositivos electrónicos que xa contemplen a circularidade completa en todo o seu deseño e fabricación.

Estes compromisos forman parte dunha Folla de Ruta para a Economía Circular que promove a CEP e abrangue ata 40 accións diferentes co obxectivo de que a industria electrónica sexa, desde o presente e coa vista posta no 2030, completamente circular, sostible e respectuosa co medio.

 

 

Imaxe: WBCSD