CIRC4Life, unha nova vida aos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos

O proxecto europeo CIRC4Life é unha iniciativa que nace co obxectivo de incorporar a óptica da economía circular ao tratamento doméstico dos equipos e aparellos eléctricos en desuso. Deste xeito, dende os nosos fogares poderemos aprender a xestionar correctamente a reutilización e descarte dos elementos que aínda poden ter máis usos, evitando deste xeito a acumulación daqueles que xa non os teñen e recuperando os materiais reutilizables.

Este proxecto de innovación conta coa participación de 17 socios de 8 países da Unión Europea e está financiado polo programa de Economía Circular 2020.

CIRC4Life propón a implantación dun sistema de incentivos que sirvan para fomentar a reciclaxe e reutilización dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos tales coma equipos informáticos ou de telefonía, aparellos coma televisores, electrodomésticos e elementos que adoitan quedar almacenados nos nosos fogares durante anos. Con este proxecto búscase xerar estímulos que axuden á cidadanía a reciclar e reutilizar estes elementos e recuperar os materiais dos que están fabricados, ofrecendo descontos, incentivos económicos ou mesmo medioambientais, coma plantar árbores no nome de quen se una a esta campaña.

O control destas campañas de reciclaxe e reutilización realizarase a través da instalación de contedores intelixentes que permitan recoller e rastrexar mediante unha app a disposición dos usuarios e usuarias, a trazabilidade dos materiais que nel se depositan. Con este procedemento e, contando coa información sobre os materiais electrónicos e eléctricos que deberá proporcionar o fabricante, poderase recuperar todo o material aproveitable e reutilizable co que se fabrican os RAEE, reincorporándoo como materia prima para a fabricación de novos elementos.