Comezan a agromar en Galicia os Repair Café, espazos de lecer onde reparar electrodomésticos, aparellos e mesmo roupa

En Europa, Asia e nos Estados Unidos xa son tendencia dende hai uns anos: os Repair Café son espazos onde poder reparar aparellos eléctricos domésticos, ordenadores ou mesmo recuperar prendas de roupa mentres tomas un café e entablas conversa con outras persoas. A idea principal destas iniciativas é a de poder dar unha segunda vida a aparellos ou dispositivos que empreganos no noso día a día, en lugar de desbotalos para mercar novos.

Nos Repair Cafés e nas diferentes iniciativas Repair que se están a desenvolver na nosa comunidade, ademais, creáse unha comunidade non só de profesionais, tamén de usuarias e usuarios que intercambian experiencias, consellos e mesmo fan compra-venda entre eles, para que tanto os dispositivos que xa estamos a usar coma os que queremos descartar poidan ter novos usos en diferentes fogares.

A idea dos Repair Cafés naceu en Holanda na década pasada e na actualidade cóntanse por milleiros os establecementos que combinan restauración e lecer coa loita contra a cultura da obsolescencia e fomentan o desenvolvemento de comunidades de apoio local. Deste xeito, o compromiso por preservar os principios da economía circular chega a toda a cidadanía.