Convocada a V Edición dos Premios “Medio Ambiente APROEMA 2020”

A Asociación Profesional de Empresas Medioambientais APROEMA vén de publicar as bases da V convocatoria dos Premios Medio Ambiente APROEMA 2020. O obxectivo desta convocatoria é salientar e dar recoñecemento ás accións individuais e colectivas, públicas e privadas, que se están a desenvolver en Galicia para impulsar a conciencia ambiental e fomentar a mellora do medio ambiente.

Poderán optar a estes premios as entidades públicas, entidades privadas e centros académicos que desenvolvan en Galicia calquera actividade de defensa e promoción do medio ambiente, tanto no tocante a valores como na defensa e recuperación do patrimonio físico, cultural ou socioeconómico de Galicia, cubrindo o formulario publicado na propia web da Asociación.

Nesta V edición poderanse presentar ata tres candidaturas en cada unha das catro modalidades do Certame: Entidades Públicas, Privadas, Empresas e Centros Académicos e os premios outorgaranse a aquelas iniciativas que se distinguisen entre os anos 2018/2020 polo labor desenvolvido en Galicia arredor da conservación e mellora do medio ambiente, a xestión e valorización de residuos así coma outras campañas de concienciación ambiental ou posta en valor do mesmo. Na valoración das iniciativas terase en conta o impacto das mesmas sobre a contorna, a súa innovación e transferibilidade e a continuidade e autonomía de cada unha. En total, outorgaranse catro primeiros premios e catro accesits. Os premios consistirán nun galardón, un diploma acreditativo, publicidade durante un ano para a entidade gañadora na revista Galiambiental e acceso a todos os eventos organizados por APROEMA durante un ano.

O prazo para presentar as iniciativas e candidatarse aos premios está aberto e finaliza o vindeiro 2 de abril de 2021. A entrega de premios terá lugar o vindeiro 3 de xuño de 2021 nun acto que está previsto se celebre de xeito presencial e virtual.

Na organización dos premios colaboran a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Universidade de Santiago de Compostela, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), SOGAMA e Ecoembes.