Ecoredes, o buscador español de recambios orixinais para vehículos que aposta pola Economía Circular

O buscador Ecoredes é un proxecto promovido pola Federación de Asociaciones de Concesionarios (FACONAUTO) e a Federación Española de Empresarios Profesionales de la Automoción (CONEPA) co que se busca reunir nun só espazo na rede todos os recursos tanto para a reparación como para a substitución de pezas orixinais de automóbiles. A este recurso terán acceso tanto os usuarios particulares coma concesionarios, talleres de reparación e espazos de desmantelamento de vehículos.

Con este proxecto quérense impulsar os principios da economía circular tamén na rede de distribución de vehículos, condensando nun buscador toda a información e recursos dos talleres independentes aos que, doutro xeito, os profesionais da automoción non terían acceso. Así, os profesionais poderán acceder ao buscador e ao stock de recambios orixinais certificados que están recollidos na plataforma, impulsada pola patroal dos concesionarios e por Azeler, Almacén de Recambios de Coche en Europa, como socio tecnolóxico para o funcionamento da plataforma. Esta ferramenta non só será de utilidade para os máis de 10.000 talleres independentes, senón tamén para os concesionarios, que poderán vender a través desta páxina os recambios orixinais das pezas dos seus vehículos, obtendo certificados de garantía para a confianza tanto do vendedor coma do comprador dos artigos. A día de hoxe son máis de 140 os concesionarios que xa están dentro da plataforma e comparten os seus inventarios.

A través de Ecoredes búscase tamén fomentar a dixitalización dos espazos de reparación e desmantelamento de vehículos, para os que lanzan, ademais, unha app móbil desde a que se poden xeolocalizar os talleres independentes e listar as pezas das que dispón cada un. Ademais, ao estar conectada coa DGT, esta plataforma permite axilizar os trámites relativos a notificar a baixa definitiva daqueles vehículos que xa non poden ser recuperados para o seu uso, tramitando o certificado de destrución ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e, unha vez obtidos os correspondentes permisos, proceder á descontaminación do automóbil e reutilizar e pór á venda as pezas correspondentes, que serán subidas á plataforma, contribuíndo deste xeito a dar unha segunda vida ás pezas que aínda poidan ser empregadas, fomentando a economía circular e reducindo o impacto medioambiental da industria automobilística.

 

Imaxe: Pexels