Galicia converterase en 2020 nun referente na prevención e reutilización dos refugallos grazas a nova Lei de residuos

  • A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salientou que a futura norma é un texto que marca obxectivos claros, coma reducir nun 15% os residuos dende hoxe ata o 2025

A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, afirmou esta mañá que a Comunidade galega se converterá nun referente para outras rexións en materia de prevención e reutilización dos refugallos grazas a nova Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, que está a impulsar o Goberno galego.

A conselleira de Medio Ambiente participou esta mañá na reunión do pleno do Consello Galego de Medio Ambiente, onde se abordou o contido deste anteproxecto e que segundo as previsións do Goberno galego entrará en vigor no vindeiro ano.

Salientou que a nova lei fomentará a prevención e a reutilización dos residuos, co obxectivo de reducir nun 15% os residuos de aquí a 2025, o que supón un ambicioso obxectivo que supera amplamente o que marca a Lei estatal, que establece este obxectivo nun 10%. Nese sentido, recordou que se porán en marcha medidas importantes destinadas a frear o impacto dos plásticos, como a prohibición de vender pratos, vasos, cuncas e bandexas de plástico dun só uso; salvo que estean compostos dun 50% de material biodegradable; polo tanto a Lei intensificará a loita contra os plásticos.

Outra das frontes será a reutilización e traballase no obxectivo de chegar no vindeiro ano a un 50% de residuos domésticos e comerciais preparados para reutilizar ou reciclar, ademais de fomentar a reciclaxe de envases co propósito de acadar en cinco anos máis a reciclaxe dun 65% dos mesmos e a un 70% no ano 2030; ao tempo que se cumpre co obxectivo europeo de derivar ao vertedoiro un 10% da cantidade de residuos xerados.

A conselleira tamén destacou a importancia de reducir o desperdicio alimentario e os plásticos, dous aspectos que tamén están moi presentes na Lei. Recordou que un terzo dos alimentos producidos no mundo se perden oi se desperdician, o que equivale a 1.300 millóns de toneladas ao ano; polo que reducir esta cifra é importante para aforrar en recursos, tanto os que fan falta para producilos como para xestionalos como residuos.

Sinalou que outro residuo que se debe reducir é o plástico e explicou que o consumo actual des bolsas de plástico produce uns altos niveis de residuos dispersos que supoñen un uso ineficaz dos recursos, provocan contaminación e agravan o problema da presenza de residuos nas masas de auga, o que supón unha ameaza para os ecosistemas acuáticos.Ángeles Vázquez demandou a implicación do conxunto da sociedade para acadar o obxectivo de reducir o consumo de bolsas de plástico lixeiro non biodegradable no horizonte 2025. Lembrou que esta meta é a que se dispón na normativa estatal, que recolle a Directiva Europea ditada en 2015 ao respecto e que establecía a redución dun 80% do uso destas bolsas no período 2015-2025. Nese sentido, calculou que en 2025 cada persoa só debería utilizar un máximo 40 bolsas de plástico lixeiro non biodegradable ao ano.