Galicia xa conta cunha Lei de Residuos e Solos Contaminados

O Consello da Xunta aprobou o día 24 de setembro a Lei de Residuos e Solos Contaminados. Con esta Lei Galicia fixa os mecanismos para loitar contra o plástico dun só uso e contra o desperdicio alimentario, dous dos principais Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU, eixos da economía circular.

Esta Lei ten como un dos seus obxectivos reducir as cantidades actuais de desperdicio alimentario tendo en conta a sostenibilidade, recollendo medidas coma, por exemplo, que os titulares de establecementos de restauración terán a obriga de entregar a fracción de sobrantes de alimentación non consumidos en recipientes que estean compostos cun 50% de material biodegradable, quedando totalmente prohibidas as alternativas plásticas.

O Presidente da Xunta declarou que con esta Lei de residuos e solos contaminados “Galicia se situará á cabeza das rexións europeas na transposición da Directiva en materia de plásticos”. Este regulamento contempla, ademais, que de cara ao 2023 os concellos deberán instaurar a recollida separada dos biorresiduos e en 2024 será a quenda dos residuos téxtiles e residuos perigosos de orixe doméstica. A lei de Residuos e Solos Contaminados complementará as estratexias da Xunta para o desenvolvemento da Economía Circular, Cambio Climático e Enerxía, implementando cambios e ofrecendo alternativas para cumprir os prazos establecidos pola Unión Europea ao respecto.