Isabel Pita é unha artista coruñesa que está a acadar notoriedade nestes últimos meses grazas ás súas creacións deseñadas e elaboradas con materiais cotiáns reciclados.

O seu interese por crear esculturas a partir de elementos reciclados naceu hai anos, coma un pasatempo co que poder dar renda solta á imaxinación a través da arte. Esta deseñadora gráfica da Coruña, que vén de expoñer as súas creacións nos escaparates da Droguería Villar durante este 2020, emprega para as súas esculturas materiais como botellas de lixivia e deterxente, plásticos, caixas de cartón, oveiras ou xornais. Deste xeito, os residuos que en calquera outra situación serían desbotados, contan cunha nova vida grazas ao upcycling artístico de Isabel Pita, e son transformados nun tuareg, un surfeiro ou ata o mesmísimo Fernando Simón.

As súas pezas poden ser adquiridas a través das redes sociais de Isabel Pita, e xa están a ser vendidas en diferentes países europeos. Como dicía ela mesma nunha entrevista feita hai uns meses para El Español: “O upcycling non deixa de ser o que veñen facendo as avoas toda a vida: reutilizar e darlle valor a obxectos que en principio serían descartables e que rematan transformados en calquera outra cousa”. A utilización deste tipo de materiais, recuperados seguindo os principios da economía circular, dá como resultado pezas orixinais e sempre únicas, como as seguintes:

 

Imaxes: Instagram Isabel Pita e Quincemil (El Español)