Máis de 50 empresas e entidades fundan VIRATEC, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular

Este luns 23 de novembro vén de celebrarse en Santiago de Compostela a Asemblea fundacional de VIRATEC, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, que tivo lugar presencialmente na sede de FEUGA e tamén de xeito telemático, para cumprir coas indicacións sanitarias do momento actual.

VIRATEC, onde participan a Universidade de Santiago de Compostela e a de Vigo, ademais de empresas do tamaño de Viaqua ou Norvento, conta con máis de 2.000 millóns de euros en cifra de negocio e ten como principal obxectivo “ser un referente no desenvolvemento e implantacións de tecnoloxías, procesos e solucións ambientais, a nivel local, nacional e internacional”. A misión deste organismo é “incrementar a capacidade tecnolóxica, de innovación e a competitividade das empresas galegas que achegan solucións ambientais, fomentando un ecosistema de cooperación pública-privada e entre empresas, xerando sinerxías entre distintas áreas de coñecemento e promovendo a I+D+i, mellorando a formación e creando oportunidades de internacionalización para contribuír ao desenvolvemento sostible da sociedade galega e a preservación do seu medio ambiente”, engaden dende a organización nunha entrevista a Galicia Press.

Este Clúster de entidades e empresas do eido tecnolóxico e medioambiental aglutina a todos os axentes directa ou indirectamente involucrados no sector das solucións ambientais. Así, están representadas empresas, proveedores, clientes, entidades formativas e centros tecnolóxicos. VIRATEC agarda incrementar o valor económico do sector, fomentando o emprendemento e as colaboracións con entidades de prestixio tanto no mundo académico como no da investigación e desenvolvemento tecnolóxico. O medio ambiente e a economía circular serán os eixos arredor dos que xire o traballo de VIRATEC, tanto a nivel galego como a nivel internacional, dando a coñecer a capacidade de Galicia para a innovación no sector ambiental.

 

Imaxe: GaliciaPress