Medio Ambiente convoca axudas para actuacións de prevención, xestión e reutilización dos residuos municipais

  • Entre as liñas subvencionables atópase unha que busca favorecer a creación de espazos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios para fomentar a reutilización.
  • A convocatoria, que rexerá no período 2020-2021, conta cun orzamento global de 4,16 millóns de euros e inclúe como novidade a compra subvencionable de vehículos para a recollida separada da fracción orgánica.

Santiago, 15 de maio 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou o 13 de maio no DOG a orde  pola que se rexerán as liñas de subvención para a prevención, xestión e reutilización dos residuos municipais, que establece dúas liñas de actuación diferenciadas.

A primeira está destinada a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos, entre as que se inclúe a posta a disposición da cidadanía de espazos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos…) para conformar unha rede galega de establecementos públicos destinados á preparación para a reutilización, coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos. Por outra banda, promóvese a adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos xa existentes na Comunidade.

A segunda liña ten como obxectivo financiar actuacións de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos, entre os que se inclúen proxectos subvencionables como o fomento da compostaxe in situ e recollida separada da fracción orgánica dos residuos municipais, a partir de contedores, elementos ou medios materias que contribúan a mellorar a cantidade e calidade deste servizo.

Entre as actuacións subvencionables cómpre subliñar, como principal novidade, a adquisición de vehículos para a recollida separa da fracción orgánica dos residuos municipais. Cómpre ter en conta que os chamados biorresiduos, cun peso de máis do 40% sobre o lixo total que se xera nos fogares, teñen que ser recollidos e tratados cunhas condicións específicas debido ao seu importante potencial para a elaboración de fertilizantes naturais, de aí a importancia de dispoñer de vehículos especiais para ocuparse deles.

En relación coa contía das axudas, a nova orde establece dúas novidades significativas respecto da anterior. Por un lado, increméntanse os importes máximos previstos das subvencións, que mesmo poderán acadar o 100% dos custos totais subvencionables. Así mesmo, unha mesma entidade local poderá concorrer de xeito simultáneo a varias das actuacións subvencionables.

Outra das novidades da orde publicada hoxe é que dá un maior prazo para a execución das iniciativas subvencionadas, que se estenderá ata o 30 de novembro de 2021, tendo en conta as necesidades temporais que requiren os trámites para a contratación pública de certos servizos ou compras deste tipo. Os interesados teñen un prazo dun mes a contar a partir da publicación no DOG para presentar por medios telemáticos a súa solicitude.

Por último, cómpre lembrar que esta convocatoria enmárcase dentro do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022, conforme ao establecido na Estratexia Galega de Economía circular 2020-2030 aprobada pola Xunta a finais do ano pasado.