‘Mellor reparar que tirar’ estrea sección de Upcycling

A tendencia do upcycling está collendo cada vez máis forza en Galicia, e dende “Mellor reparar que tirar” vimos dando conta nestes últimos meses de iniciativas sociais ou privadas que apostan por este xeito de reutilizar a materia prima de xeito artístico e creativo.

O upcycling, que tamén se pode coñecer coma “supra-reciclaxe”, aproveita diferentes obxectos que xa chegaron á fin da súa vida útil para transformalos a través de propostas creativas en novos produtos ou obxectos, transformándoos e, deste xeito, aumentando o seu valor. Así, o upcycling máis que reciclar, pode ser considerado un xeito de repensar os obxectos transformándoos en novos produtos. Grazas ao upcycling, prendas de roupa, mobles, obxectos de uso cotián ou aparellos son recuperados con modificacións e melloras para transformalos en novos produtos e materiais máis sostibles e con valor engadido, non só polo produto en si, senón pola creatividade e as técnicas aplicadas na súa mellora. Deste xeito, o upcycling está a gañar cada vez máis seguidores porque optimiza o consumo de materia prima para desenvolver novos produtos e estimula a compra-venda de produtos que, doutro xeito, terían esgotado a súa vida útil.

Tendo en conta esta tendencia e que, cada vez máis, o upcycling vai facéndose oco nas nosas vilas e cidades, a web “Mellor reparar que tirar” incorpora unha nova categoría no seu apartado “Atopa” para que todas as persoas interesadas en atopar recursos de upcycling en Galicia, así como descargar as fichas coa información completa de cada un dos establecementos que se dedican a este formato de recuperación de materiais.