Moda galega sostible na Circular Sustainable Fashion Week de Madrid 2021

O upcycling e a sostibilidade son elementos que están xa completamente vencellados á moda. En Galicia son cada vez máis os obradoiros, atelieres e marcas que deciden apostar por un tipo de confección baseado nos principios da economía circular e da sostibilidade, reaproveitando tecidos e materiais que xa formaran parte dalgunha prenda ou obxecto antes, ou tamén desenvolvendo novos tecidos a partir de plástico reciclado. Algunhas destas iniciativas xa foron recollidas nesta páxina e poden ser consultadas na nosa nova sección de recursos sobre Upcycling.

Esta aposta levou a varias marcas galegas a participar na Circular Sustainable Fashion Week de Madrid que se celebrou este mes de febreiro. Esta edición constou dun congreso e tres pasarelas temáticas, nas que se amosaron as diferentes alternativas que a industria da moda ofrece para ser máis sostible e respectuosa, tanto co medio ambiente como coas persoas que pertencen a este sector. A industria téxtil é, segundo a Organización das Nacións Unidas, a segunda máis contaminante, e na actualidade está a dar un xiro para comprometerse cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Partindo deste compromiso naceu a CSFW Madrid 2021, un espazo onde deseñadores, artistas, profesionais e asociacións relacionadas coa moda se reuniron para debater sobre o impacto da moda no noso planeta.

Ao longo dos cinco días nos que tivo lugar o evento, foron varias as marcas galegas que puideron dar a coñecer o seu traballo, os seus deseños e tamén a súa aposta pola economía circular e por unha industria da moda máis respectuosa. Entre todas as firmas internacionais que se deron cita na Circular Sustainable Fashion Week, as marcas galegas Farrapos e Contos, Blue Anemone e Coolstripe deron conta de todo o potencial co que conta a moda galega sostible.