O Consello de Ministros presenta o anteproxecto de Lei de Residuos e Solos Contaminados

O pasado martes 2 de xuño o Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, aprobou e presentou o anteproxecto de Lei de Residuos e Solos Contaminados.

Dous dos eixos principais deste anteproxecto son a prevención na xeración de residuos e o fomento da reutilización e reciclado dos materiais.
Na loita contra a prevención dos residuos e a obsolescencia programada, o anteproxecto recolle medidas coma a inclusión de obxectivos cuantificables no tempo. Así, establécese unha calendarización para reducir o peso dos residuos producidos, que amplía o actual. Deste xeito, ademais do actual -10% no 2020, incorpóranse o -13% no 2025 e o -15 no 2030. Ademais, incorpóranse normativas específicas na loita contra o residuo alimentario para o conxunto da industria: produtores, empresas de distribución e restauración.

No eido da reutilización e a reciclaxe, o texto marca unha serie de medidas para fomentar a preparación para a reutilización e a reciclaxe, cun novo calendario de implantación da recollida separada de biorresiduos, téxtil, aceite de cociña e residuos domésticos perigosos, adiantándoos a finais de 2023 e 2024 respectivamente. Ademais, o anteproxecto marca novos obxectivos para a preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos municipais, quedando así: 55% dos residuos municipais xerados no 2025, 60% no 2030 e 65% no 2035.

O texto tamén recolle novas directrices para xestionar os residuos de xeito axeitado para empregalos como recursos na xeración de novos produtos, favorecendo deste xeito a economía circular e alongando a vida de materiais descartados.

Este novo anteproxecto revisa a actual normativa de residuos e solos contaminados, para cumprir coas directivas comunitarias en materia de economía circular. Con esta presentación, ábrese o trámite de información pública, consulta e participación. O anteproxecto completo, de interese para todas as empresas e persoas vencelladas a iniciativas relacionadas coa prevención e reutilización de residuos, pode lerse nesta ligazón.