O Índice de Reparabilidade indicará a vida útil dos teléfonos móbiles e demais AEE

O Goberno de España, a través do Ministerio de Consumo, vén de presentar o “Índice de Reparabilidade”, un baremo que servirá para que os usuarios de smartphones ou outros dispositivos electrónicos poidan decidir se reparar ou substituír os seus aparellos. Esta iniciativa, xa implementada desde hai uns meses en Francia, chega trala resolución europea polo Dereito a Reparar, da que xa falamos nesta páxina, en vigor desde o pasado 2020.

O Índice de Reparabilidade consiste nunha clasificación cunha escala de 0 a 10 puntos de todos os dispositivos eléctricos e electrónicos, segundo o doada ou complexa que resulte a súa reparación, o custo da substitución de pezas ou a durabilidade dos compoñentes a partir dos que está feito. Deste xeito, o fabricante debe ser transparente no tocante á calidade dos seus produtos e o usuario realiza unha compra totalmente informada. Así a loita contra a obsolescencia programada poderase dar de xeito informado desde o mesmo momento da adquisición do teléfono móbil.

Este distintivo irá adherido á embalaxe do produto e será obrigatorio. Así, grazas á reparación e substitución fronte á adquisición de dispositivos novos debido á obsolescencia programada, os usuarios poderán facer escollas conscientes para reducir a pegada ecolóxica. Grazas a programas piloto como os que está a desenvolver a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en diferentes concellos, serán cada vez máis os usuarios que disporán na súa contorna de espazos habilitados para a preparación para a reparación, onde poder traballar nos seus dispositivos de xeito sostible.

Imaxe: Moncloa