O MITECO presenta unha expresión de interese para pulsar o estado da economía circular nas empresas do noso país

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, dentro do seu Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, vén de lanzar unha nova convocatoria de expresión de interese para fomentar a economía circular no eido da empresa. Esta convocatoria será un dos alicerces nos que se basea a estratexia de recuperación económica do MITECO trala crise da COVID-19 e ten como obxectivo identificar o estado dos proxectos que se están a desenvolver neste ámbito, así como analizar o mercado. Esta consulta, aberta o pasado 27 de xaneiro, pretende recabar a información que facilite a construción e desenvolvemento das futuras liñas estratéxicas de actuación para o fomento da economía circular no ámbito da empresa en España.

Dentro do proceso de implementación da Estratexia Española de Economía Circular establecida polo Goberno de España, creouse un Plan de apoio á implementación da EEEC e a normativa de residuos co que está previsto apoiar ao sector empresarial que aplique os principios da economía circular e que, na actualidade, estean a aplicar algunha das seguintes iniciativas:

  • Inversións para incentivar modelos de negocio máis limpos e circulares, con capacidades, tecnoloxías intelixentes e orientados a produción eficiente en recursos, modelos de loxística inversa, modelos de consumo de servizos en lugar de produtos e modelos de retorno para a reutilización e reacondicionamento en cadeas de valor esenciais.
  • Inversións en actividades de remanufacturado nos sectores do automóbil, aeroespacial, de equipamento médico, mobles e outros.
  • Apoio a proxectos de PEMES e entidades de economía social para incrementar o contido en reciclado de produtos, desenvolver o deseño de produtos circulares seguros que incrementen a durabilidade, reparabilidade, reciclabilidade, loiten contra a obsolescencia, permitan a reparación e cambio de pezas e melloren o comportamento ambiental do ciclo de vida dos produtos, invertir en actividades de reparación, remanufactura e consumo de servizos, substituír produtos dun só uso e a redución/substitución do contido de substancias perigosas.
  • Proxectos entre empresas relacionados coa simbiose industrial para favorecer a circularidade das materias primas secundarias, desenvolvemento de redes comerciais que permitan fomentar a simbiose industrial de materiais, etc.

Estes catro eixos de inversión teñen o obxectivo de impulsar e promover de xeito eficiente as medidas sobre economía circular nas empresas ademais de identificar o interese e o estado do mercado arredor de proxectos con esta fin, así coma os aspectos más relevantes dos mesmos. Todas as empresas que estean a aplicar medidas relativas á economía circular e que estean recollidas nestas catro liñas de actuación, poderán presentar as súas propostas e proxectos para poder contribuír a crear un mapa actualizado co estado no que se atopa a empresa española con respecto á economía circular. Toda a información que se recolla permitirá definir as liñas estratéxicas de actuación no eido da economía circular nas empresas. O prazo para presentar propostas comezou o 27 de xaneiro e se prolongará ata o día 26 de febreiro. As empresas e organismos que queiran presentalas deberán envialas a bzn-sug_residuos@miteco.es, cumprimentando a documentación dispoñible a través da web do MITECO xunto cunha breve memoria e toda aquela documentación adicional que se considere relevante (ata tres páxinas).

Podes descargar tamén a documentación a cumprimentar a través de aquí e aquí.