O movemento Fixer: a comunidade global da reparación para a reutilización

O movemento fixer ten a súa orixe nos Estados Unidos a comezos deste século. Alí o seu fundador, Kyle Wiens, creou a comunidade iFixit. A súa motivación chegou tras tentar reparar o seu ordenador portátil sen éxito. Despois de escoitar as recomendacións do servizo técnico oficial da marca, que lle aconsellaba mercar un equipo novo en lugar de reparar o seu, Wiens iniciou unha reflexión sobre o problema económico, medioambiental e social que supuñan esa recomendación e esa forma de consumir sen límite. Así, dende o 2003, o “usar e reparar” tenta plantarlle cara ao “usar e tirar”.

iFixit converteuse, deste xeito, un espazo online onde Kyle Wiens publicaba manuais de reparación para dispositivos coma ordenadores portátiles e semellantes, que rapidamente pasou a gozar de gran popularidade entre enxeñeiros de todo o mundo. Ao pouco tempo, esta plataforma pasou a transformarse nunha comunidade en Internet na que calquera usuario podía subir e partillar manuais de reparación e uso, consellos, vídeos e material para axudar a reparar aparellos electrónicos que aínda podían dispor de máis vidas. Deste xeito, e grazas á cultura colaborativa, xurdirían tamén posteriormente os Repair Cafés.

Con este tipo de iniciativas a comunidade fixer foi medrando a nivel internacional ata transformarse no que é hoxe: unha iniciativa de aprendizaxe colectiva e de xeración de sinerxias e coñecementos que supoñen un aforro no económico mais tamén no medioambiental. O movemento fixer combate a obsolescencia programada, mesmo incorporando elementos novos como a impresión 3D de pezas ou compoñentes que na actualidade xa son difíciles de atopar, ou a redacción de manuais de uso, reparabilidade e usabilidade de dispositivos e aparellos eléctricos que xa non se atopan á venda ou pola rede.

Deste xeito, o movemento fixer contribúe á economía circular, no eido doméstico e académico, aportando as súas solucións e iniciativas para poder combater os residuos e a obsolescencia dos materiais dende os nosos fogares.