O Parlamento Europeo aposta polo “dereito á reparación” dos consumidores

Dende o Parlamento Europeo quérese impulsar a sostibilidade a través da reutilización e as reparacións, acabando deste xeito coas prácticas que acurtan a vida útil dos produtos e dispositivos, reducindo tamén o impacto medioambiental do consumo. Os eurodeputados pídenlle á Comisión Europea, con esta resolución aprobada por 395 votos a favor, 94 en contra e 207 abstencións, que dote aos consumidores do dereito á reparación dos aparellos eléctricos e electrónicos. Para conseguilo fan propostas que van dende fomentar a reparación, ampliar as garantías dos produtos e pezas de recambios e facer máis accesible a información relativa a mantemento e reparación dos electrodomésticos e aparellos.

Unha enquisa publicada no pasado ano polo Eurobarómetro recolle que o 77 % dos europeos e europeas prefiren reparar os seus dispositivos electrónicos en lugar de substituílos, e o 79 % mesmo considera que debería ser esixible aos fabricantes a substitución e reparación dos compoñentes. Con estes datos, dende o Parlamento Europeo apóstase por incentivar e universalizar os mercados de segunda man para favorecer a reutilización de produtos e materiais, pór fin ás prácticas coma a obsolescencia programada, apostar pola produción sostible, reducir os residuos electrónicos, etiquetar todos os aparellos en función da súa durabilidade e apostar por elementos coma un cargador universal para todos os aparellos eléctricos. Con esta resolución búscase dar un novo pulo á cultura da reutilización e ao consumo sostible, mellorando a posibilidade de prolongar a vida útil dos produtos e introducindo, finalmente, cambios no noso sistema de consumo, dende a produción e a contratación públicas ata a publicidade e xestión dos residuos.

Co obxectivo posto en incentivar a consumidores e empresas a facer escollas sostibles, no Europarlamento tamén se busca incorporar compromisos de sostibilidade na contratación pública en todas as administracións aplicando criterios comúns a nivel europeo, así como reforzar o uso da etiqueta ecolóxica da UE para sensibilizar á poboación. O texto aprobado no pasado 2020 propón tamén novas normas para a xestión de residuos e a eliminación de obstáculos que impidan que os consumidores aposten pola reparación e a compravenda de aparellos de segunda man e a reutilización. Deste xeito, mesmo o mercado de materias primas sairá beneficiado con estas prácticas sostibles.

 

 

 

Imaxe: Alexander Andrews