Os concellos de Moaña e Porto do Son reciben a Bandeira Verde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

O pasado mes de novembro, os concellos de Porto do Son e Moaña recibiron a Bandeira Verde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Este distintivo, que se concede por primeira vez neste ano 2020, recoñece o esforzo que tanto o concello de Moaña coma o de Porto do Son están a realizar no traballo pola protección da paisaxe local, do medio ambiente e o impulso a medidas de eficiencia a nivel municipal. “Este é un galardón de excelencia que ten un obxectivo fundamental, que é continuar posicionando Galicia a nivel nacional e internacional dentro do turismo sostible”, afirmou a Conselleira Ángeles Vázquez, en declaracións ao Faro de Vigo.

Ata o de agora eran diferentes entidades privadas as que galardoaban aos municipios con distintivos medioambientais, polo que dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda se valorou a necesidade de convocar un concurso público co que galardoar dende a administración aos concellos que estean á fronte da defensa medioambiental e das boas prácticas en canto a sostibilidade e ecoloxía, para poñelos en valor non só de cara á veciñanza, senón tamén a nivel turístico. Un tribunal de expertos valorou os criterios establecidos para obter o galardón, que incorporaban aspectos como a ordenación do territorio, o respecto pola paisaxe autóctona, a sostibilidade medioambiental, o tratamento dos residuos ou as aplicacións relacionadas coa economía circular a nivel municipal. “Había moitas esixencias e o tribunal era moi estricto á hora de valorar os concellos. Catro chegaron á final pero só Moaña e Porto do Son saíron seleccionados”, explicou a Conselleira.

Esta Bandeira Verde quere convertirse nun referente e exemplo para que cada vez sexan máis os concellos galegos que se animen a aplicar os principios de sostibilidade e así poder facerse con este distintivo. Con ela, Galicia convírtese na primeira Comunidade Autónoma en crear unha etiqueta de calidade en materia de ecoloxía, respecto ao medio natural, eficiencia enerxética e xestión responsable dos recursos, reforzando deste xeito o obxectivo da Consellería no tocante a sensibilización e posta en valor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e da Economía Circular.

Imaxe: Xunta de Galicia