Os electrodomésticos contarán cun novo etiquetado sobre eficiencia enerxética desde este mes

Este mes de marzo de 2021 entra en vigor un novo modelo de etiquetado para medir o consumo de enerxía dos electrodomésticos, que se aplicará en todos os países membros da Unión Europea. Este modelo, que se pode consultar nesta páxina web, actualízase co obxectivo de fomentar un consumo enerxético responsable e adaptarse aos novos modelos de aparellos eléctricos do fogar, cada vez máis eficientes.

As anteriores etiquetas, presentadas no 1994, incorporaban información sobre o consumo enerxético dos aparellos eléctricos e electrodomésticos que foi quedando obsoleta a medida que a industria evolucionaba. Na actualidade, grazas ás melloras técnicas destes dispositivos do fogar, era necesaria unha actualización. Este novo sistema de etiquetado abrangue dende o verde intenso da categoría máis eficiente ata o vermello, como se pode ver na imaxe. Así, o actual A++++ pasará a ser simplemente A de cor verde, o A+++ pasa a ser B verde máis claro e así sucesivamente. Este cambio na clasificación non quere dicir que os produtos empeoren, senón simplememte que se adaptan ás necesidades e consideracións de eficiencia actuais.

Deste xeito, calquera comprador poderá consultar de xeito moi sinxelo o consumo enerxético de lavadoras, televisores e demais electrodomésticos antes de adquirilos. O deseño destas novas etiquetas quere achegar a información de consumo aos usuarios, permitíndolles que poidan facer unha escolla de novos aparellos eléctricos máis informada e centrada na sostibilidade e o aforro enerxético.

Desde Mellor reparar que tirar promovemos sempre a reparación e reutilización de electrodomésticos e aparellos eléctricos do fogar, pondo ao dispor do usuario recursos e referencias que permiten aumentar a vida útil destes dispositivos, e tamén ofrecemos información para o tratamento dos RAEE, residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, para evitar que a fin da súa vida supoña un risco medioambiental para a poboación. Na nosa páxina web atoparás, ademais, información sobre diferentes iniciativas que se están a desenvolver en Galicia, para fomentar a Rede Galega PxR centrada na reparación e reutilización deste tipo de elementos.