Os nosos hábitos de compra mudan cara a reparación e a segunda man

Un informe publicado durante o Estado de Alarma revela que a crise da COVID-19 vén de mudar, tamén, os nosos hábitos de compra. Segundo este informe realizado para Wallapop, a empresa de compravenda de produtos con maior volume de usuarios no noso país, as compradoras e compradores de España son máis conscientes da necesidade de mirar pola sostibilidade e por realizar un consumo máis responsable.

Así, segundo o informe, dous terzos da poboación española está disposta a reparar os seus electrodomésticos e pertenzas no fogar antes de descartalas e mesmo por sacalos á venda ou facerse con produtos de segunda man, en lugar de buscar substitutos novos. No mesmo senso, preguntadas polas tendencias de consumo en alimentación e cosmética, o 80% das persoas enquisadas sinalan un interese crecente sobre produtos ecolóxicos, sostibles e respectuosos co medio ambiente, apuntando cara a tendencia de consumo de quilómetro cero e apoio ao comercio local.

Este informe apunta tamén que a crise da COVID-19 influiu á hora de ser máis conscientes da pegada que o consumo ten sobre a nosa contorna e da necesidade de priorizar no aforro e en facer fincapé en hábitos máis saudables, sen estar reñida esta tendencia coa dixitalización e a compra a través de internet, mesmo de produtos de proximidade.

Todas estas tendencias teñen unha pegada maior canto máis novo é o público enquisado. Así, entre a xeración Z, a posterior aos millennials, máis do 90% afirma ter mercado ou vendido produtos de segunda man a través de plataformas online. Deste xeito, tanto o público adulto como as xeracións máis novas apostan por tendencias de consumo da economía circular, apostando por dar novas vidas e novos usos a produtos e servizos antes de descartalos.

O informe completo, desenvolvido por Ipsos para Wallapop, pode consultarse nesta ligazón.