Os Obxectivos para un Desenvolvemento Sostible, eixo da Economía Circular

Os Obxectivos para un Desenvolvemento Sostible (ODS) aprobáronse en setembro de 2015 na Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Estes obxectivos conforman un conxunto de medidas aprobadas por todos os países integrantes da ONU que teñen como fin última erradicar a pobreza, protexer o planeta e garantir o benestar para todas as persoas, como parte da axenda global de desenvolvemento sostible. Cada un dos 17 obxectivos ten unha meta específica a acadar nos vindeiros 10 anos, implicando a gobernos, sector privado e o conxunto da cidadanía.

O obxectivo número 9, relativo á industria, innovación e infraestruturas sostibles é o destacado para este mes de xullo dende as Nacións Unidas. Este obxectivo defende que o desenvolvemento industrial e de infraestruturas se realice tendo en conta os principios da economía circular, é dicir, que a industrialización sexa inclusiva e sostible, buscando a innovación e a competitividade, pero tendo en conta tanto o uso eficiente dos recursos coma o crecemento sostible das comunidades arredor das infraestruturas e a protección do medio ambiente.

O obxectivo final deste ODS é poder chegar ao 2030 aumentando a inversión en investigación e innovación científica, sen deixar atrás aos sectores manufactureiros e industriais de todos os países. A innovación e o progreso tecnolóxico son elementos chave para o futuro, pero sempre dende a eficiencia enerxética e o uso e reaproveitamento dos recursos de xeito sostible. Ademais, este obxectivo ten como fin proporcionar aos países en vías de desenvolvemento un acceso global e de calidade ás novas tecnoloxías, permitíndolles xerar redes e infraestruturas locais innovadoras, sostibles e resilientes.

Os desafíos económicos e medioambientais do futuro obrigan a replantexar o desenvolvemento da industria a nivel global, adaptándoa aos principios da economía circular, favorecendo o reaproveitamento da materia prima, a recuperación de elementos que poden ter unha nova vida e o reciclado de materiais que poden ser transformados noutros produtos. Deste xeito, aumentará a riqueza dos países produtores sen supoñer unha ameaza para o medio ambiente e a poboación dos mesmos.