Quince concellos galegos sumaranse á Rede Galega PxR

O pasado 23 de novembro publicouse no DOG a resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coa listaxe de beneficiarios das axudas concedidas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Coa publicación destas axudas, sete entidades locais de Galicia, que aglutinan a 15 concellos, disporán de financiamento para poñer en marcha novos espazos de autorreparación de carácter municipal, nos que as veciñas e veciños poderán reparar electrodomésticos e outros enseres domésticos e deste xeito alongar a súa vida útil, fomentando a reutilización e minimizando o impacto ambiental xerado ao desbotalos. Estes espazos municipais financiados a través da Xunta de Galicia, integraranse na Rede Galega PxR.

As entidades locais que recibiron estas axudas son os concellos de Carnota, O Rosal, Rianxo, Vilalba, Outeiro de Rei, así como tamén a Agrupación de concellos Fene-Canabas e o Consorcio das Mariñas conformado polos concellos de Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Cada un destes espazos está pensado para favorecer o intercambio, reparación e reutilización de obxectos de uso doméstico. Tratarase de diferentes instalacións municipais que terán o obxectivo de axudar a alongar a vida útil dos bens materiais dos fogares, minimizando o impacto ambiental xerado ao tiralos e aumentando os niveis de reciclaxe, ademais de complementarse con obradoiros de reparación, accións de sensibilización cidadá e diferentes xornadas de intercambio de obxectos.

Nunha entrevista a Sara Vicente, a concelleira de Medio Ambiente do Concello do Rosal, un dos sete municipios beneficiarios destas axudas, destacaba que o obxectivo principal destes espazos é “concienciar ás persoas para afastarnos dos modelos de usar e tirar en prol dun modelo adaptado á economía circular” e que con eles se busca “crear un espazo transversal no que impulsar e fomentar a colaboración entre axentes sociais para intercambiar coñecementos e experiencias e contribuír á reparación e reutilización de materiais, alongando a vida útil dos obxectos, facilitando o intercambio de materiais, reducindo os residuos a tratar nos vertedoiros e potenciando a sensibilización ambiental”.

A posta en marcha destes novos espazos reafirma o compromiso dos concellos galegos para formar parte da rede galega de establecementos públicos destinados á preparación para a reutilización, permitindo compartir coñecementos entre diferentes entidades, poñendo a disposición das persoas recursos en liña para a reparación de obxectos, previndo deste xeito a xeración de residuos domésticos.

 

 

 

Imaxe: Concello do Rosal