Recuperar e doar bicicletas vellas, unha iniciativa que cada vez ten máis popularidade

Desde Mellor Reparar que Tirar fixémonos eco no seu día da iniciativa dun membro da Garda Civil de Lugo que repara e envía bicicletas en desuso a Guinéa-Bisau, onde contan cunha nova vida para dar servizo a toda unha comunidade. Este tipo de accións para a recuperación e posta en valor de bicicletas antigas está a gañar cada vez máis seguidores no noso país, como é o caso do proxecto BicisPerATotes de Torrent (Valencia).

BicisPerATotes nace hai seis anos da man de Txema Hernández e Toni Velarde, dous veciños do municipio valencián de Torrent, cando atoparon unha bicicleta rota que decidiron reparar e doar. Como din na entrevista recollida por El País, aquel proceso de reparar e recuperar para a súa reutilización, así como a resposta recibida, motivounos para seguir e na actualidade, da man do Col.lectiu Soterranya, unha asociación local, levan xa máis de 900 bicicletas amañadas, recuperadas para o seu uso e doadas no seu barrio, Xenillet, e tamén a diferentes entidades e ONG da contorna. Soterranya, a asociación a través da que xorde a iniciativa BicisPerATotes, traballa dende 1998 fomentando a inclusión e a mobilidade no seu barrio, cunha clara orientación cara a posta en valor medioambiental, sempre coa bicicleta como eixo tanto das súas actividades como da mobilidade das persoas que integran a asociación.

Este tipo de iniciativas, que están a recibir cada vez unha acollida mellor, teñen detrás a persoas especializadas en mecánica, recuperación e restauración de bicicletas. En Galicia existen numerosas asociacións, iniciativas e profesionais que se dedican a pór en valor e dar novas vidas a estes vehículos. Tanto na sección En Rede coma no apartado Faino Ti da nosa web atoparás recursos e contactos para reparar a túa bicicleta ou deixala en mans de profesionais especializados. Deste xeito, fomentando o uso da bicicleta e a súa recuperación, estamos a fomentar a economía circular e tamén o transporte sostible, apostando ademais por unha mobilidade urbana máis saudable.

Imaxe: El País