“REORGAnicémonos”, a campaña de SOGAMA na Semana Europea para a Prevención dos Residuos

Os concellos de Arteixo e Cerceda son os protagonistas de “REORGAnicémonos“, a campaña de SOGAMA nesta Semana Europea para a Prevención dos Residuos, centrada principalmente no tratamento da materia orgánica. O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar á poboación de ambos concellos sobre a recollida selectiva da materia orgánica a través do contedor marrón, coa fin de garantir a xeración de compost de alta calidade que poida ser reutilizado.

A Semana Europea para a Prevención dos Residuos, que ten lugar este ano do 21 ao 29 de novembro, celébrase por toda Europa ao abeiro do Programa LIFE da Comisión Europea dende o ano 2009. Con ela, incentívase a concellos e organismos rexionais a promover accións sobre a prevención e xestión sostible dos residuos, ademais de celebrar anualmente o Premio Europeo da Prevención de Residuos, no que se seleccionan as actividades máis orixinais, innovadoras e exemplarizantes de entre todas as celebradas a través da Unión Europea.

A celebración deste ano pon en valor a correcta eliminación, a modificación dos hábitos de consumo e a necesidade de recuperar e reutilizar a maior cantidade posible dos residuos que xeramos. Estas campañas divulgativas a nivel europeo brindan a oportunidade de reflexionar en colectivo sobre os nosos comportamentos e modificalos para contribuír á sostibilidade. “REORGAnicémonos” incorpórase a esta Semana Europea para a Prevención dos Residuos facendo fincapé na necesidade de reciclar, ordenar e recuperar a materia orgánica para transformala e reaproveitala.

“REORGAnicémonos” estará presente cun punto informativo na rúa onde educadores especializados asesorarán ás veciñas e veciños sobre a importancia de aplicar no noso día a día os tres R (redución, reutilización, reciclaxe), explicando o tipo de materiais que deben introducirse no contedor marrón e os beneficios de colaborar coa planta de compostaxe de SOGAMA para xerar compost de alta calidade co que mellorar as explotacións agrarias e de xardinaría.

En Arteixo a instalación de “REORGAnicémonos” estará presente no Cruce da travesía de Meicende coa travesía de Meirás, de 8.30 a 14.30 h o día 26, e o 27 na Praza do Balneario de 11.00 a 18.00 h. En Cerceda o punto informativo estará no Campo da Feira o día 28 de 9.00 a 15.00 h. Podes consultar toda a información da campaña e informarte sobre que vai en cada contedor, descargando este documento.

Imaxe: SOGAMA