Un informe europeo recomenda alongar a vida dos nosos dispositivos electrónicos

Un informe publicado pola Axencia Europea do Medio Ambiente titulado “O consumo de Europa nunha economía circular: os beneficios dunha electrónica de maior duración” destaca que na actualidade os electrodomésticos e os dispositivos electrónicos cos que contamos na casa están a ser empregados durante períodos máis curtos que os establecidos segundo o seu deseño e fabricación.

Os casos estudados polo informe, teléfonos intelixentes, electrodomésticos e demais aparellos eléctricos do fogar, teñen na actualidade unha vida útil nos nosos fogares duns tres anos menos do que o seu deseño e fabricación marcan. O informe recomenda aplicar os principios da economía circular de reparación, reutilización e reciclaxe, cando efectuamos a compra destes dispositivos e electrodomésticos, para garantir que a súa vida útil real sexa a que marca o fabricante e non a que se lles está a dar nestes momentos no noso país. Ademais este estudo sinala que na actualidade cada habitante da Unión Europea consume, de media, uns 18 quilos de aparellos eléctricos ao ano.

A Axencia Europea do Medio Ambiente sinala que o impacto ambiental e climático que a obsolescencia electrónica está a ter na actualidade pode ser revertido se temos en conta as indicacións de fábrica e o compromiso de cumprir con obxectivos ambientais, climáticos e de sostenibilidade que marca a Unión Europea.
Aplicar os principios da economía circular garante non só que se poida estender a vida útil dos electrodomésticos e dispositivos electrónicos, senón tamén que podemos fortalecer a industria tecnolóxica, a circularidade dos produtos electrónicos, o seu deseño e a sostenibilidade.