Unha calculadora social avalía a cantidade de emprego xerada a través da reutilización de materiais

A Fundación AERESS en colaboración co Ministerio de Traballo presentou unha calculadora social que vencella a recuperación e reutilización de materiais e aparellos eléctricos e electrónicos coa xeración de emprego. A través desta calculadora, cada cidadán pode botar contas do traballo que axuda a xerar con cada obxecto que reutiliza e compra ou vende de segunda man.

Esta iniciativa recóllese dentro da campaña “Contra el Cambio Climático, yo reutilizo ¿Y tú?” de AERESS, desenvolvida para a Semana Europea de Prevención de Residuos. Con esta ferramenta, calquera persoa pode estimar o emprego que xera a partir dos diferentes obxectos que merque de segunda man ou que ofreza para a súa venda en lugar de desbotalos.

A calculadora social funciona do seguinte xeito:

calculadora social

Primeiro debemos introducir o número de unidades de cada obxecto ou obxectos semellantes que queremos reutilizar.
Despois, pulsamos o botón “calcular” para saber a cantidade de horas de emprego que xera a nosa acción, coñecer o perfil da persoa empregada e como imos axudala. Esta calculadora presentouse, ademais, cun dossier no que se explicaba polo miúdo o tipo de iniciativas, empresas, autónomos e colectivos aos que se apoia a través de AERESS e que pode descargarse e consultarse a través desta ligazón.

Segundo a Fundación AERESS, fomentar a reutilización, a reciclaxe e o consumo responsable son eixos fundamentais para acadar globalmente un modelo económico circular e evitar a xeración de residuos, conseguindo deste xeito alongar a vida útil dos produtos e loitar contra a obsolescencia. Esta Fundación, ademais, destaca o labor social que está a desenvolver dende hai anos a través da Red AERESS na que se integran numerosas entidades de toda a xeografía española, que traballan para a inclusión sociolaboral de colectivos en risco de exclusión, sinalando ademais que son estas entidades as principais beneficiarias das vendas que se realizan a través desta campaña.