“Upcycling the Oceans”, ou como transformar o plástico mariño en prendas de vestir

A iniciativa “Upcycling the Oceans” nace no ano 2015 da man da Fundación ECOALF. O obxectivo principal desta campaña é favorecer a recuperación e escolla dos residuos mariños contaminantes coa fin de reciclalos, valorizalos e evitar o seu impacto negativo no medio ambiente, mediante o desenvolvemento e aplicación de coñecementos tecnolóxicos e científicos. “Upcycling the Oceans” ten detrás á Fundación ECOALF, unha ONG ao abeiro da marca téxtil do mesmo nome, a ECOEMBES e á compañía de seguros GENERALI. O seu labor esténdese, ademais de pola costa de España, por outros países de Europa e Asia para recuperar residuos do océano Atlántico, do Índico e do mar Mediterráneo.

Este proxecto piloto comezou coa colaboración de 9 portos pesqueiros españois da costa mediterránea, sumando na actualidade 40 portos pesqueiros de toda España, de diferente tamaño, catro deles galegos: os portos pesqueiros da Coruña, de Burela, do Celeiro e de Corme. Con esta campaña, na que están implicados máis de 2.500 pescadores de toda a xeografía española, veñen de recollerse en cinco anos máis de 600 toneladas de plástico que se atopaban nos nosos mares.

O ciclo para valorizar estes residuos e transformalos en prendas de vestir é o seguinte: Primeiro, os mariñeiros deposítano nos contedores que se atopan en cada porto pesqueiro. Estes residuos son seleccionados e o plástico PET é levado a unha entidade recicladora, onde se limpa e transforma para crear fío para tecer a partir deste material. Despois de diferentes controis de calidade, certifícase que o material obtido cumpre coas condicións precisas para elaborar tecido da mesma calidade que o empregado na industria téxtil e procédese á produción de prendas de roupa e complementos con el.

O resto do material recuperado do mar que non é empregado para elaborar tecido é seleccionado, clasificado e enviado á canle de reciclaxe correspondente a cada lugar de recollida, para poder gozar dunha nova vida.

O movemento Upcycling, ou reciclaxe creativa, fomenta deste xeito os principios da economía circular e tamén os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU, garantindo a preservación dos mares e océanos e creando novos elementos a partir de residuos.

Imaxes: Fundación ECOALF